Navigation Menu+

Museo Massó

A industria conserveira nace en Bueu da man de empresarios de orixe principalmente catalá, como a familia Massó, procedente de Blanes.


A instalación das dúas factorías que a familia Massó chegou a ter en Bueu favoreceu o crecemento económico da vila e a transformación da súa fronte marítima.

As orixes dun grande imperio.

O seu promotor, Salvador Massó Palau, mercara o  “Almacén do Rei”, unha fábrica de salgadura que en 1880 transformou en “Salvador Massó e Hijos”. En 1883 creou a fábrica de conservas “La Perfección”, dende a que promoveu a conserva hermética do peixe en aceite. En 1886 os seus fillos fundaron “Massó Hermanos” dedicada á produción de conservas e salgadura de peixe, á compravenda de fariñas e redes, e á fabricación de artefactos de pesca. En 1926 inauguraron unha segunda fábrica en Bueu. Comercializaron diversas marcas como Massó, Kairel, El Porrón, Gaviota e Massó Grand nos mercados europeos e americanos.

As fábricas Massó.

A conserveira chegou a empregar a máis de 2.300 persoas nas súas factorías. Foi a primeira en empregar a electricidade nos procesos produtivos e tamén na instalación dunha liña telefónica que permitía comunicar as fábricas cos almacéns en 1919. Mesmo recibiu a visita de Guglielmo Marconi, o seu inventor, en 1928, que se admirou do seu modelo produtivo. En 1941 inaugurouse a fábrica de Cangas nun terreo que ocupaba 20 Has. Neses anos constrúense tamén fábricas en Barbate, en Cádiz, e Avilés, ademais de dúas factorías baleeiras en Caneliñas (A Coruña) e Muras (Lugo). O seu declive prodúcese a partir de 1970 e pecha as súas portas en 1996, despois de 180 anos de vida.

O Museo Massó.

Creouse en 1932 e ten a súa sede no edificio máis antigo da fábrica de conservas da familia Massó, que en tempos albergou unha industria salgadeira. Ademais do rico patrimonio marítimo e industrial desta familia, conserva diversos libros de incalculable valor, como  a Geografía (1490) e o Almagestum (1528) de Claudio Ptolomeo, xunto con documentos e gravados relacionados coa expedición científica de Malaespina. Na exposición permanente ofrécese un percorrido histórico sobre a conquista do mar e a actividade industrial da familia Massó, embarcacións e artes de pesca tradicionais, e instrumentos náuticos (astrolabio, compás, cuadrante, nocturlabio, octantes, reloxos de sol, sextante, etc.).

  Museo Masso

Descargar audio